Rato como malo de novela

O outro día entrevistei a James Ellroy, un dos bótolle que arredor de douscentos xornalistas que o entrevistaron na súa xira ibérica de presentación de Perfidia¸ o seu último libro. Ellroy seduciume como escritor o bastante como para terlle lido todo o que publicou en español, que xa veñen sumando, sen a última, trece novelas, dous libros autobiográficos e tres ou catro recompilacións de relatos breves ou artigos xornalísticos. Como persoa, os seus primeiros 30 anos de vida foi un ser pouco recomendable, por dicilo suavemente, e os trinta e pico seguintes, aínda que os dedique a escribir, quizais non teña mellorado substancialmente, aínda que si socialmente. É á vez un moralista extremo, un asocial militante, e un autor disciplinado que sabe das obrigas das promocións de libros. Non contesta preguntas de política —limitase a definirse de extrema dereita— nin de actualidade. En realidade, moléstalle calquera pregunta que non se refira ao libro que está promocionando. Así que me limitei a comentarlle que a política española sería unha excelente inspiración se algún día quería deixar de ser o demon dog, o can rabioso da literatura que lle encanta facer que é, e prefire ser o demo a secas, un trasno. E iso que cando llo dixen non sabía o da presunta detención de Rodrigo Rato.

Que Rato, que cando portavoz da oposición conservadora ao Goberno de Felipe González en asuntos económicos criticase acedamente a amnistía fiscal do entón goberno socialista logo se acollese a que ditou o goberno conservador é perfectamente coherente en España, na que os políticos teñen uns principios que comezan e rematan nos intereses dos seus partidos, sempre que non contradigan os propios (os intereses, non os principios). Que un economista que era unha lumbrera chegue a un posto polo que hai puñaladas como director do FMI e o deixe aos poucos, polas consabidas “razóns persoais”, sen que ninguén dea máis explicacións e o que é máis raro, sen que ninguén as pida, establece o nivel de omertá financeira, política e mediática desta sociedade. Que a ese alguén cargado con esas “razóns persoais” lle dean logo o mando de Bankia, o banco máis ou menos público mais grande que quedaba logo de que a banca realmente pública lla regalara Aznar a un colega, roza o inexplicable. E xa afonda no inextricable o argumento do portavoz do PP no Parlamento Europeo, Esteban González Pons, de que “si un partido como el PP no pone ningún obstáculo para que un icono como Rodrigo Rato pase por lo que ha pasado, algún crédito tiene que tener”. É dicir, haille que darlle crédito a un partido “como o PP” (ignoro en que sentido hai que tomar iso) que podendo obstaculizar que un icono como Rodrigo Rato pase polo que pase, non o faga. Por que pasou Rodrigo Rato? Por que se investigue se se acolleu a unha a amnistía fiscal, se tiña diñeiro negro e outras actividades que, se xa son feas nun cidadán corrente, son xa como para chamarlle de todo a alguén que leva toda a vida dicíndolle aos demais que teñen que sacrificarse e velando porque o fagan pola forza se non o fan de grado.

“Aquí non hai complexidade narrativa ningunha”, diríame Ellroy. “Todo iso pasou, ou non, á vista de todo o mundo, sen ter que extorsionar a ninguén. Foi, como din vostedes, como roubar a un cego”. É certo, o único elemento novelesco foi ese xesto policial de facerlle baixar a cabeza Rato cando o metían no coche, como se ve en todas as series. E esa posiblemente vai ser a súa única condena.

La Opinión de A Coruña 18 de abril de 2015

This entry was posted in Uncategorized. Bookmark the permalink.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *