Biblioteca Lois Pereiro

Hoxe andarei por Monforte, porque alí aínda é Ano Lois Pereiro. Éo nos corazóns —ou na víscera onde cada quen faga residir a emoción— de moita xente, pero na cidade onde el naceu éo oficialmente, por decisión do Concello, e hoxe celébrase o acto polo que a Casa da Cultura e a Biblioteca se chamarán desde agora Poeta Lois Pereiro.

Foto Carlos Cortés. La Voz de Galicia

A mesma Casa da Cultura onde tivo lugar a sesión solemne da Real Academia do Día das Letras Galegas, hai catro anos, naqueles días nos que lle acabei collendo algo de manía ao meu irmao pequeno de tanto traballo que deu. O de hoxe será algo máis sinxeliño. Acudiremos unha requitropa —que é a monfortina expresión para culimaia, ou rabaño máis ou menos humano— de persoas, diremos cousas, agardo que breves, e hala, a facer tempo ata a noite a escoitar a Vera Lynn e a Tres Trebóns.

Biblioteca Lois.B

Ben, antes do “hala!”, a familia daremos uns libros deses que son difíciles de atopar.  Un facsímile, a obra completa bilingüe e dúas traducións da poesía completa, á que fixo ao inglés Jonathan Dunne e a que fixo ao búlgaro Tsvetanka Elenkova.

Loia 4
Cuberta tradución bulgaro

A importancia do inglés non fai falta que a proclame eu, xa se encargan as autoridades educativas deste país, pero no que atinxe ao búlgaro, a min paréceme que calquera biblioteca que se prece debe contar nos seus andeis con edicións en búlgaro, ou en finés, ou lingua así. Pero sobre todo, nestes tempos nos que o acceso ao coñecemento, ou polo menos á información é ben doado, calquera biblioteca debe contar con libros. As bibliotecas están ben para traballar sen ceder as distraccións, para acceder a internet quen non o teña na casa, ou para consultar datos inasequibles por outros medios. Pero unha biblioteca é para ler libros nela, en recollemento colectivo, ou levalos para casa a desfrutalos a soas.

FullSizeRender

Cando Lois e eu eramos nenos, os libros entraban na casa nos santos, nos aniversarios, e nos desprazamentos por cuestións médicas, fundamentalmente —ai!, e ese “ai!” non é retórico— ao dentista. Pero entre cumpreanos, empastes e revisións oculares, estaba a biblioteca da Caixa, e alí Julio Verne, Salgari, e unha chea de refuxios, tropicais ou glaciares para as tardes de néboa ou de aburrimento. Supoño que os políticos devecen por ter rúas e prazas co seu nome, barcos de guerra ou acordos de paz. Tanto que mesmo lles poñen a placa en vida, o que se sabe se evidencia máis os méritos dun ou o peloteo dos outros.

FullSizeRender2

Pero para un escritor, que mellor que unha biblioteca, unha das trincheiras que nos van quedando contra a barbarie ilustrada —ilustrada non porque ilustre, senón porque ten “santos”, imaxes—. Tampouco está mal que che dediquen un colexio, pero o malo dos centros do ensino é que as experiencias son daquela maneira, e sempre corres o risco de escoitar: “cada vez que me lembro do Otero Pedrayo danme ganas de converterme nun asasino en serie”, sen que o pobre don Ramón teña culpa ningunha. O peor que che pode ocorrer nunha biblioteca é que sexan pouco delicados lembrando que hai un ano que tes un libro na casa. Polo demais, como lle escoitei unha vez ao irmán Rivas citar a René Char: “Dans mon pays, on dit merci”. No meu país danse as grazas.

(La Opinión de A Coruña 11 de abril de 2011)

This entry was posted in Uncategorized. Bookmark the permalink.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *